3 de xullo 2023.- A Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción presentouse para dar resposta aos retos tecnolóxicos, sociais e medioambientais que debe afrontar a cadea de valor do sector da construción de Galicia. Impulsada pola Federación Galega da Construción, a nova entidade está integrada por 42 empresas e catro centros tecnolóxicos de diferentes actividades relacionadas coa construción.
A presentación tivo lugar na Sede en Santiago de Compostela de Fundación Laboral de la Construcción de Galicia e contou coa participación do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, que estivo acompañado polas Conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Éthel Vázquez, e de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, entre outras autoridades políticas, axentes sociais e máis de 150 representantes do tecido empresarial de Galicia e que contou coa ponencia da experta internacional en tecnoloxía, innovación e tendencias de futuro, Silvia Leal sobre Os retos da construción.
Dentro do Padroado da Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción Diego Vázquez Reino, Presidente de Vazquez y Reino, é o Presidente; Daniel Hermosilla Hermida, CEO en Rodiñas Pretensados e Antonio Pons Samaranch, Director Xeral de CETIM, Vicepresidentes, e Santiago Ferreiro Pérez, Director Xeral de Construcciones Orega, Secretario.
Sostibilidade e innovación tecnolóxica, os principais obxetivos do Clúster
O Clúster da Construción destacou que o seu principal obxectivo é acompañar ás empresas a adaptarse a este tempo de transformacións tecnolóxicas e sociais para seguir sendo competitivas e para crear unha sociedade máis sostible.
Diego Vázquez Reino, presidente do Clúster, sinalou que esta entidade "reúne un grupo heteroxéneo de sectores comprometidos coa excelencia, a innovación e a sostibilidade." A través da colaboración e o intercambio de coñecementos, "queremos impulsar o crecemento colectivo e o desenvolvemento sostible do sector" que, segundo indicou, significa "o 12% do tecido empresarial" de Galicia.
Entre os obxectivos do Clúster, Vázquez Reino referiuse á "tripla sustentabilidade: económica, social e ambiental" para "lograr a rendibilidade económica das nosas empresas; a consolidación e mellora das condicións laborais e reducir o impacto no medio ambiente das actividades" así como “seguir potenciando a igualdade, conseguindo incrementar a presenza, cada vez maior, da muller no noso sector e incorporar a persoas mozas á nosa actividade e garantir así o recambio xeracional”.